A partires desta semana, a Xunta -a través do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga)- afirma que comezará a facer efectivo o pagamento do anticipo das axudas directas da PAC correspondentes á campaña 2022-2023. En total, serán preto de 27 millóns de euros que beneficiarán uns 6.200 gandeiros galegos. Estes importes corresponden ás liñas de vacas nutrices e de vacún de leite.
Ademais, no vindeiro mes de decembro prevese realizar por parte do Fogga un novo pago de axudas directas, por valor de máis de 115 millóns de euros, onde van incluídas as axudas a vacún de carne, pago básico, pago verde, mozos e pequenos agricultores. Tamén se aboará o anticipo das axudas de desenvolvemento rural correspondente a zonas con limitacións naturais, por importe de 20 millóns de euros. Estes pagos beneficiarán, en conxunto, a máis de 25.000 agricultores e gandeiros da nosa comunidade.