A partires do luns poderán tramitarse de novo os permisos de queimas nos terreos rústicos

1 minutes read

Levántase así a a suspensión de realizar queimas nos terreos rústicos decretada desde o pasado 16 de marzo. Deste xeito, a partir deste próximo luns xa se poderán realizar de novo as comunicacións de queimas en terreos agrícolas e solicitar as autorizacións para terreos forestais, uns trámites que permanecían ata o de agora en suspenso a causa da emerxencia sanitaria provocada polo coronavirus.

A Xunta tomou esta decisión tendo en conta a propia extensión da duración temporal do estado da alarma, os datos de evolución positiva da emerxencia sanitaria e as últimas medidas adoptadas polo Goberno central.

Para iniciar a tramitación e en tanto non estean abertas ao público as oficinas dos distritos ou servizos de prevención de defensa de incendios, os interesados poderán utilizar dúas vías, ou ben chamar ao teléfono 012 ou ben empregar a vía telemática dende o enderezo web https://queimasweb.xunta.gal.