A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, supervisou os traballos de instalación da pasarela de Marineda, que xa roldan o 90 %, polo que este verán xa estará a disposición dos veciños e usuarios.
Vázquez Mourelle explicou que os traballos se intensificaron esta semana para instalar unha parte da infraestrutura elevada que comunicará ambas as marxes da estrada AC-552, nun primeiro treito correspondente á zona da Grela, á altura do supermercado.
Unha vez colocada a primeira parte, avaliarase topograficamente a súa posición exacta para realizar en taller o axuste do lado pendente de colocar, que é máis longo.
Na vindeira semana, na noite do día 20 e a madrugada do 21, instalarase a parte da pasarela do lado do centro comercial e despois uniranse as dúas pezas, completando a estrutura, procedendo logo á pavimentación, colocación de varanda e iluminación. Finalmente, antes da posta en servizo, realizarase a proba de carga para testar o seu funcionamento e plena capacidade operativa.
Cómpre lembrar que esta pasarela forma parte dunha actuación integral, que rolda os 2 millóns de investimento e que tamén contemplou a construción dunha senda, de 700 metros, desde a rúa Severo Ochoa ata a parada de bus do Marineda, onde se coloca unha nova marquesiña da Xunta.