A pasarela elevada de Marineda, executada pola Xunta no polígono de Agrela da Coruña, vén de ser premiada pola Asociación Española de Enxeñería Estrutural.
Esta infraestrutura elevada, que comunica ambas as marxes da estrada AC-552, foi galardoada como mellor pasarela nos VI Premios de Enxeñería da Asociación Española de Enxeñería Estrutural (ACHE).
Este recoñecemento foi outorgado por un xurado conformado por representantes da citada asociación, da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Santander ou do Consello superior de Arquitectos.
A pasarela de Marineda foi premiada xunto con outras actuacións como o Queensferry Crossing, en Edimburgo, na categoría de pontes; o estadio Wanda Metropolitano, en Madrid, na variante de edificacións; a rehabilitación da ponte sobre o río Ebro en Gelsa, en Zaragoza, na categoría de rehabilitación estrutural; ou a ampliación da ponte de Rande na AP-9, no eido da innovación.
A decisión do recoñecemento á pasarela coruñesa baseouse en criterios como a importancia técnica da obra, as innovacións na súa tipoloxía, a integración na contorna, a súa estética, a calidade do proxecto e da construción e a relevancia a nivel social.