A piques de rematar a renovación do pavimento e da rede de saneamento na Xunqueira, na Ponte do Porto

1 minutes read

O Concello de Camariñas está a piques de rematar a obra para realizar unha actuación integral na zona da Xunqueira, na Ponte do Porto, concretamente para a renovación do pavimento nas rúas Fonte e Xunqueira e a mellora da rede de saneamento na zona. O proxecto conta cun orzamento total de 146.500 euros e está financiado a través do Plan Único da Deputación da Coruña.

Os traballos na rede de saneamento, moi antiga e que non daba servizo a algunhas das vivendas do lugar, xa están moi avanzados, ao renovarse a rede de sumidoiros da zona e a maior parte do bombeo. Con esta solución o Concello pretende dar solución aos vertidos que se producen á ría de Ponte do Porto.

Nas próximas semanas procederase á renovación do pavimento das rúas Fonte e Xunqueira, que actualmente se atopa moi deteriorado. Na zona na que existen vivendas catalogadas executarase un pavimento de lousas de pedra granítica e no resto será de formigón armado de cor gris escura.