- Aproveitando a reanudación da actividade da hostalería, a Policía Local realizará como mínimo unha inspección semanal en cada local
A comisión que realiza o seguimento da situación epidemiolóxica na Laracha, composta por representantes dos diferentes departamentos municipais, reuniuse este venres tras analizar as novas medidas que entraron en vigor esta madrugada.
En materia deportiva, acordouse a reapertura do complexo da piscina municipal a partir deste luns. A decisión tomouse de acordo coa empresa concesionaria da xestión das instalacións, Hebe Sport, que esta fin de semana realizará os traballos de posta a punto oportunos. Tanto na piscina, coma no resto das instalacións o aforo estará limitado a un máximo do 30%. Ademais, xa se poden usar as pistas de pádel e as polideportivas descubertas.
Outro dos asuntos centrais da comisión foi a análise dos protocolos establecidos pola Xunta de Galicia para a reapertura dos locais de hostalería. Na Laracha permítese soamente o consumo en terraza, cunha ocupación máxima do 50% e ata as 18:00 horas. No referente ao control do cumprimento destas medidas, a Policía Local realizará como mínimo unha inspección semanal en cada establecemento.