A pista de xeo natural será un ano máis o gran atractivo do Nadal vimiancés

1 minutes read

Vimianzo prepárase para vivir o Nadal de 2023 por todo o alto un ano máis. O Concello vén de confirmar que este ano contará, por terceira vez, cunha pista de xeo natural na praza do Concello.

A instalación, unha das poucas destas características da comarca, estará operativa a partir do día 14 de decembro. Durante esa xornada e a contigua, día 15 de decembro, así como toda a semana seguinte, do 18 ao 21 de decembro, convidarase ao alumnado dos colexios do concello a gozar desta actividade de maneira completamente gratuíta en horario lectivo.

A apertura ao público xeral realizarase o venres, 15 de decembro. Manterase así ao longo desa fin de semana, é dicir, o sábado e domingo, día 16 e 17 de decembro. O período para o libre goce da veciñanza comezará definitivamente o venres, 22 de decembro, coincidindo co remate do período lectivo.

A entrada básica incluirá os patíns e, como complemento, poderase alugar o casco e material de apoio para facilitar a patinaxe. O uso de luvas será obrigatorio e a inscrición previa imprescindible. A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, sinala que se trata dunha actividade que ten “moito éxito entre a veciñanza e que tamén atrae a moita xente doutros municipios, converténdose nunha alternativa lúdica de calidade para pasar unha marabillosa tarde en familia”. É unha oportunidade para que todas as persoas que o desexen “gocen destas datas en compañía e rodeadas dun ambiente máxico”, conclúe.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?