Así o avanzou o presidente da sociedade pública, Javier Domínguez, durante a visita que realizou ás obras desta instalación xunto co alcalde da localidade, Gonzalo Durán.
A previsión é que esta instalación, localizada no polígono industrial de Baión, onde ocupa unha superficie de 20.000 m2, estea lista o próximo mes de outubro para comezar a operar e recibir a materia orgánica dos 26 concellos aos que dará servizo e que aglutinan unha poboación de 326.846 habitantes.
Cun investimento de 15,1 millóns de euros, esta planta integrará as distintas fases do proceso de compostaxe dos residuos orgánicos: desde o pretratamento e a fermentación, ata a maduración e o almacenamento, así como os correspondentes tratamentos de aire e de augas, facendo uso en todo momento das últimas tecnoloxías dispoñibles, tanto de procesado como de control de cheiros e ruído.
Ademais, unha parte da mesma será autosuficiente desde o punto de vista enerxético ao dispoñer de paneis solares fotovoltaicos, contribuíndo desta forma á loita contra o cambio climático.
Deste xeito, terá capacidade para tratar cada ano 15.000 toneladas de materia orgánica contida nos residuos municipais (FORSU) e 7.000 toneladas de material estruturante (podas e restos de madeira), estimando unha produción anual de 6.000 toneladas anuais de compost de alta calidade que será utilizado no sector da agricultura e a xardinería, en substitución dos fertilizantes artificiais.