A iniciativa suporá un investimento superior aos 64 millóns de euros, e contará, nunha primeira fase, cunha potencia inicial de 30MW, o que permitirá obter unha produción de 4.500 toneladas ao ano de hidróxeno renovable.
A planta ampliarase en dúas fases posteriores ata alcanzar 50MW e 200MW respectivamente, acadando unha produción dunhas 30.000 toneladas de hidróxeno renovable ao ano. O proxecto supón un valor engadido nunha zona afectada polo peche da central térmica de Meirama, permitindo reutilizar instalacións existentes e situando Galicia no novo mercado do hidróxeno renovable. Impúlsase así o desenvolvemento da cadea de valor deste vector enerxético en que a comunidade busca posicionarse como referente internacional a través da Alianza Industrial Galega do Hidróxeno Renovable. Así mesmo, o proxecto ten un importante grao de innovación, xa que permitirá a demostración da operación a grande escala dun electrolizador de potencia industrial.
O Consello da Xunta aprobou na súa reunión semanal a declaración como proxecto industrial estratéxico da planta de hidróxeno renovable H2 Meirama, impulsada polo grupo Naturgy en Cerceda e que conta tamén coa participación de Repsol e Reganosa. O obxectivo, segundo asegurou o vicepresidente Diego Calvo, “é seguir posicionando Galicia como referente internacional na produción de hidróxeno verde” no marco da “nova revolución industrial” que está protagonizada polas “enerxías renovables”.