O presidente executivo de Sogama, Javier Domínguez, acompañado polo alcalde, Jorge Canda, visitou no polígono industrial de Racelo, as obras da futura planta de transferencia da Lama, que está previsto que dea servizo aos concellos da contorna no primeiro semestre de 2023.
A nova planta, adxudicada por máis de 1,8 millóns de euros e cofinanciada polos Fondos FEDER como resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19, localízase nunha parcela de case 2.300 m2 do polígono industrial de Racelo e contará cunha superficie construída duns 600m2 para dar servizo aos municipios da Lama, Cerdedo-Cotobade, Fornelos de Montes e Ponte Caldelas.
Con capacidade para máis 5.000 toneladas anuais de residuos urbanos, poderá transvasar tanto os envases lixeiros (bolsa amarela) como a fracción resto (bolsa negra) e, no seu momento, a materia orgánica (FORSU) recollida de forma diferenciada a través do contedor marrón, en proceso de implantación en Galicia.