A plataforma de venda online “MerCamariñas” xa conta con 20 participantes

Cedida.

  • O goberno local anuncia que se ampliará este plan, abrindo a posibilidade de participación aos locais de hostalaría.

O Concello de Camariñas, que lanzara a plataforma ‘MerCamariñas’, unha central de venta en liña para os establecementos do municipio, xa conta cos primeiros vinte participantes. Esta iniciativa nace co obxectivo de adaptar aos vendedores e vendedoras ao comercio electrónico para que poidan vender os seus produtos a través de Internet.

Adherirse a esta campaña é totalmente gratuíto e o goberno local anuncia que, logo desta primeira remesa, se ampliará este plan abrindo a posibilidade de participación para os locais de hostalaría. O portal estará xestionado tecnicamente pola empresa local WP Nordés e os comerciantes só se terán que encargar dos produtos que poñan á venta e de promocionar o seu espazo virtual a través das redes sociais.

Para poder levar a cabo estas tarefas o Concello de Camariñas proporcionou unha formación previa aos responsables de cada establecemento. Faise a través de sesións prácticas nas que se tratan temas como: a fotografía de produto de calidade mediante smartphone, edición fotográfica fácil, xestión da tenda virtual, como escribir para que Google coloque á tenda nos resultados de busca ou para estimular ao cliente a comprar e, ademais, tamén se asesorará na creación e xestión das redes sociais do negocio.

En canto á situación sanitaria o permita, o goberno local ten previsto organizar unha reunión á que estará convocada todo o tecido comercial para así poder explicarlles e detallar o proxecto en persoa e coñecer aqueles que estarían interesados en formar parte. A web xa está operativa no dominio www.mercamarinas.com.

A concelleira de Comercio, Lara Pasantes, explicou que a idea de sacar adiante esta iniciativa xorde ante “a terrible competencia que ten o comercio de proximidade por parte das grandes superficies e cremos que esta é unha forma de axudalos a paliar esa desvantaxe existente na venda online”.

Pola súa parte, a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, destacou que “este proxecto ten o obxectivo claro de virtualizar, no mínimo espazo de tempo posible e cunha optimización máxima da plataforma, a todos eses comercios locais que están sufrindo unha grave crise de vendas”.