A mobilización ten como obxectivo denunciar a grave situación de emerxencia que vive o sistema galego de atención á dependencia, marcado por longas listas de espera, demoras de máis dun ano na tramitación dos expedientes e falta de recursos humanos e materiais. A día de hoxe, as persoas dependentes deben agardar de media ao redor dun ano, para recibir unha prestación que, segundo a lei, debería resolverse en 180 dias, moitas persoas falecen mentres esperan pola dependencia. Galicia é a comunidade autónoma con menor número de solicitudes de dependencia por persoa potencialmente dependente, segundo os datos que publica o IMSERSO (Instituto de Mayores y Servicios Sociales) sobre o Sistema para la Autonomía y Atención a la Dependencia (SAAD).
Desde a Plataforma critican a reforma da Lei 13/2008 de Servizos Sociais aprobada pola Xunta “pola porta de atrás”, sen diálogo cos axentes sociais, e alertan de que esta modificación “reduce dereitos e abre a porta á privatización encuberta do sistema”.
“A dependencia e os coidados non poden agardar. Queremos servizos públicos, non bonos”, sinalan dende a organización.
Entre as principais demandas da Plataforma destacan:
• A revogación das modificacións da Lei 13/2008 e a creación dun sistema público galego de atención á dependencia.
• Incremento urxente de persoal para as valoracións e tramitacións de dependencia e discapacidade.
• Aumento dos orzamentos sociais e creación de máis prazas en centros públicos, residencias e servizos de atención no fogar.
• Creación dun sistema público de atención a Dependencia.
• Convocatoria inmediata do Consello Galego de Benestar Social coa presenza da Conselleira de Política Social e Igualdade.