A Plataforma Galega contra a OTAN convoca actos en toda Galiza como resposta galega á cimeira da alianza militar imperialista que terá lugar os días 29 e 30 de xuño en Madrid. A Plataforma, constituída por máis dunha trintena de organizacións, programa esta xeira de actividades ao longo do país co obxectivo de difundir os verdadeiros obxectivos da OTAN, denunciar o seu carácter agresivo e expansivo, rexeitar o papel dos seus membros, en particular do Estado español, así como o uso de infraestruturas e equipamentos en territorio galego.
Entre as accións divulgativas, destaca a celebración dunha Contracimeira de carácter internacionalista e antiimperialista e na defensa da soberanía dos pobos en Santiago de Compostela o domingo 19 de xuño. Terá lugar na Nave de Vidán (Avenida Mestra Victoria Miguez, 44) a partir das 9:30 horas e contará coa participación de figuras relevantes no campo da xeopolítica como José Goulão, Ramón Grosfoguel ou Ángeles Díez.
Aliás, a Plataforma organiza palestras informativas en diferentes concellos do país baixo o título Que é a OTAN e canto nos custa? para explicar a realidade detrás da alianza militar imperialista.