- As prácticas comerciais promoven portabilidades ou a súa substitución por novas altas, que non van poder realizarse, co risco de que o usuario quede no limbo
A Plataforma pola Seguridade e a Privacidade Dixital (PSPD), integrada pola Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), a Asociación de Internautas (AI) e a Asociación pro Dereitos Civís Económicos e Sociais (ADECES), recomenda aos usuarios que, na actual situación, non poñan en risco as súas comunicacións actuais. O perigo de perder a conectividade vén dado por algunhas prácticas comerciais que se están rexistrando en relación coa portabilidade da liña fixa ou de servizos empaquetados que inclúen unha liña fixa que non pode prosperar a teor das condicións que rexen esta operación durante o estado de alarma.
As condicións da portabilidade quedaron establecidas no Real Decreto-Lei 8/2020, de 17 de marzo, que regula o estado de alarma e na nota de prensa aclaratoria da CNMC[1]. Con todo, aínda que as condicións están claras, as prácticas comerciais promoven portabilidades ou a súa substitución por novas altas, que non van poder realizarse, co risco de que o usuario quede no limbo, sen conexión con ningún operador (nin o actual nin o novo).
Este risco é evidente en relación coa portabilidade fixa que non poderá levarse a cabo porque para realizala é necesario que o persoal técnico do operador acuda ao domicilio do cliente, poñendo en risco a saúde e a seguridade de traballadores e usuarios, xa que supón unha ruptura do confinamento. O mesmo sucede coa portabilidade de produtos empaquetados (telefonía fixa, móbil, banda larga ou televisión) que tamén require de desprazamento do persoal técnico.
A situación de limbo pode verse agravada, afectando aos móbiles do paquete, se o usuario se compromete a realizar a portabilidade fixa despois do estado de alarma, porque nese caso tampouco poderá efectuarse a portabilidade do número ou números móbiles e a falta de conexión tamén lles afectará.