A Plataforma “Por un monte galego con futuro” denuncia a desidia da Xunta en prevención

2 minutes read

A Plataforma “Por un monte galego con futuro” compareceu este xoves nunha rolda de prensa en Compostela, para denunciar, tras o verán, o incumprimento total de boa parte das medidas contempladas no Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais en Galicia (Pladiga) e das desastrosas políticas forestais que se están a levar a cabo dende a Xunta.

No que se refire á estratexia de loita contra os lumes, afirman que fixo augas por todas partes. As circunstancias climáticas deste verán, con ceos habitualmente anubrados e choivas, foron o gran aliado da Xunta para evitar unha nova vaga de incendios que, lamentablemente, estoupou definitivamente en setembro cando se deron as circunstancias climáticas propicias para os lumes.

En concreto, denuncian que a Xunta non fixo o mantemento das estruturas de defensa contra os lumes (cortalumes, devasas, faixas auxiliares, etc.) nos montes de xestión propia e nos conveniados. Ademais, na orde de axudas para prevención de incendios en montes veciñais en man común e sociedades de fomento forestal (Sofor), a Consellería de Medio Rural resolveu no último día de prazo e a notificación foi publicada no DOG 21 días despois, o 15 de xullo. Isto provocou que non se recibisen até finais de agosto as comunicacións para poder iniciar os traballos de prevención, tendo de prazo para a execución dos mesmos até o 31 de outubro.

Por outra banda, nas últimas semanas de agosto aínda se estaban a publicar nos boletíns provinciais as convocatorias de selección de persoal para as brigadas municipais que, polo tanto, non estarían operativas ata ben entrado setembro. Isto foi provocado polo afán da Xunta de descargar tarefas nos concellos (incendios, velutina, xestión de gando mostrenco, xestión de faixas de prevención, etc.), con convenios moitas veces sen dotación nin seguimento, o que fai que, por exemplo, houbese un gasto importante en autobombas que agora non están operativas.