- O Sergas desenvolveu unha aplicación específica para o autoseguimento e xestión da diabetes, que entrará en funcionamento o último trimestre do ano.
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, participou en Madrid nunha mesa redonda sobre “Telemedicina: A tecnoloxía achegando a sanidade ás persoas”, organizada pola Universidade de Navarra, e que contou coa participación, ademais do conselleiro galego, de Jesús Aguirre, conselleiro de Saúde de Andalucía; Miguel Javier Rodríguez, conselleiro de Sanidade de Cantabria; e José María Vergeles, conselleiro de Sanidade de Extremadura.
Neste foro, o máximo responsable da sanidade pública galega destacou que a plataforma galega Telea integrará, de forma automática, a información de todos os dispositivos clínicos do paciente na súa historía clínica. Tal e como subliñou García Comesaña, a información será enviada automaticamente dende os propios dispositivos sen a necesidade de ter que realizar un rexistro manual da mesma. O Sergas acaba de adxudicar o concurso que integrará os seguintes dispositivos clínicos: solucións cardioimplantables, de bombas de infusión de insulina, de hormonas de crecemento e hemodiálise domiciliaria, de tal xeito que o persoal sanitario poderá dispoñer de informes periódicos.
Tamén a finais deste ano, o Sergas ampliará, -dixo o conselleiro-, a funcionalidade da súa carpeta de saúde, complementándoa cun sistema de carpeta persoal do cidadán, que posibilitará unha mellor comunicación entre paciente e profesional á hora de realizar consultas telemáticas, especialmente no ámbito de primaria. O cidadán poderá subir á súa carpeta persoal información tan relevante como imaxes de lesións, informes médicos externos ao Sergas, alerxias detectadas ou, incluso, o exercicio físico rexistrado nos dispositivos móbiles.
Xunto ao anteriormente sinalado, García Comesaña tamén remarcou que o Sergas desenvolveu unha aplicación específica para o autoseguimento e xestión da diabetes, que permitirá controlar a inxesta, o exercicio físico e os niveis de glicosa e levar o rexistro da insulina administrada. Esta aplicación estará integrada no sistema Telea e empezará a probarse no último trimestre do ano.
