A Pleno na Laracha os convenios para a humanización do entorno do CEIP Otero Pedrayo e da rúa José Añón

2 minutes read
Imaxe de arquivo do CEIP Otero Pedrayo en A Laracha

A Comisión Informativa de Asuntos Xerais do Pleno reuniuse este martes para ditaminar os asuntos que se someterán á aprobación do Pleno extraordinario convocado para este venres ás 12:00 horas.

A cuestión principal é a proposta de aprobación dos convenios de colaboración co Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) para financiar dous proxectos de humanización de espazos públicos que afectan ao CEIP Otero Pedrayo. Por unha parte está o proxecto de acondicionamento do entorno do centro de ensino coa creación dunha nova entrada con aparcamento. E, por outra, a mellora integral da rúa José Añón que dá acceso ao colexio desde a estrada AC-552.

En virtude destes acordos, o organismo autonómico concedería ao Concello dous préstamos sen xuros por un importe total de 641.808,61 euros para eses fins a devolver nun prazo de oito anos.

A Comisión Informativa tamén ditaminou a proposta de participación na primeira fase do POS+ Adicional 4/2026 da Deputación da Coruña, destinada a financiar gasto corrente. O importe asignado ao Concello da Laracha ascende a 369.856,72 euros.

Outro dos asuntos é a proposta de adhesión á Rede de Concellos Contra o Cancro, impulsada pola Asociación Española Contra o Cancro (AECC) a través da súa Xunta Provincial da Coruña. A iniciativa busca reforzar a colaboración entre o Concello e a entidade para promover hábitos de vida saudables, impulsar contornas libres de fume, facilitar información e orientación ás persoas afectadas polo cancro e ás súas familias e fomentar a participación social e o voluntariado.

Por último, abordouse a Declaración Institucional con motivo do Día Mundial da Infancia, que se conmemora o 20 de novembro. Promóvese en colaboración con UNICEF no marco do compromiso do Concello da Laracha cos dereitos da infancia recoñecido coa concesión do distintivo de Cidade Amiga da Infancia.