A Pobra súmase á Rede de Espazos de Coworking da Deputación da Coruña

1 minutes read

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o alcalde da Pobra do Caramiñal, José Luis Piñeiro García, e o deputado de Emprego, José Ramón Rioboo, asinaron na sede da institución provincial o convenio que permitirá dinamizar o centro de coworking A Pobra e polo que pasa a integrarse na Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo.

Para dinamizar a actividade deste espazo, a Deputación achegará 24.811,60€, o que supón o 80% do total do custo do proxecto para a contratación dunha asistencia técnica que preste apoio na xestión e dinamización do coworking, para por en marcha un campus de emprendemento con perspectiva de xénero e para impulsar unha experiencia piloto para a promoción do sector primario dende o espazo coworking.

O espazo colaborativo Coworking A Pobra consta dun espazo de 143,23 m2 con capacidade para acoller 10 iniciativas emprendedoras: o espazo Emprende, con capacidade para 8 módulos de traballo dotados con mobiliario individual común, preferentemente para persoas emprendedoras que teñen a vontade de crear a súa propia empresa e o espazo Nómades, con capacidade para 2 módulos que se configuran preferentemente para usuarios externos que non permanezan de modo continuado no centro, senón por períodos de tempo moi concretos.