A poesía florece en Carballo grazas ao alumnado do CEIP Xesús San Luís Romero

Día de la Poesía_Concello de Carballo

  • Coincidindo co Día Mundial da Poesía e o Día Internacional dos Bosques, durante estas xornadas colgaranse versos nas árbores de distintos barrios urbanos

«La poesía huye, a veces, de los libros para anidar extramuros, en la calle, en el silencio, en los sueños, en la piel, en los escombros, incluso en la basura», escribiu o cantautor e poeta español, Joaquín Sabina. Unha afirmación da que dá boa conta o alumnado do CEIP Xesús San Luís Romero de Carballo que, con motivo do Día da Poesía e Día Mundial da Árbore (conmemorados este luns), encherá de poemas moitas árbores de distintas zonas urbanas da localidade. Unha iniciativa que non é a primeira vez que se pon en marcha desde o centro escolar e que ata agora se desenvolvía pola contorna do propio colexio e a zona comercial da Milagrosa ao colaborar varios establecementos.

Sen embargo, este ano tamén decidiron sumarse á actividade as concellarías de Cultura e Medio Ambiente. Así, membros da Brigada Municipal de Xardíns axudarán a estender esta fermosa iniciativa polas contornas de diferentes colexios como as do Fogar, Bergantiños e A Cristina, así como do IES Alfredo Brañas, Monte Neme e Isidro Parga Pondal. A poesía tamén viaxará ata as rúas Concepción Arenal ou Ponte.

Entre verso e verso os lectores desfrutarán de obras completas ou estrofas de autores locais coma Xesús San Luís Romero, Alfredo Brañas, Rosalía Fernández Rial, Raúl G. Herrera ou Xurxo Chapela, pero tamén doutros e outras coma Xela Arias, Manuel María, Celso Emilio Ferreiro, Asunción Antelo ou Manoel Antonio.

Dende o Concello de Carballo queren agradecer o traballo e convite do CEIP Xesús San Luís Romero e animan á veciñanza a ser partícipe da proposta pendurando versos das ventás, dos balcóns ou das portas das súas casas, e colgándoos nas redes sociais co cancelo #DíaDaPoesíaNaÁrbore.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha