A poeta Xela Arias, Día das Letras Galegas 2021

O pleno da Real Academia Galega acordou este martes que as Letras Galegas de 2021 estarán dedicadas a Xela Arias (Sarria, 1962 – Vigo, 2003, falecía dun ataque cardíaco), unha das voces «máis destacadas da poesía galega contemporánea». Decidiuse render homenaxe a unha voz singular, transgresora e sincera da xeración que renovou nos anos 80 a poesía galega en temas, estilo e forma, e ademais recoñecer o seu labor na tradución ao galego de clásicos universais e como editora. A RAG resume a concepción da poesía por Arias como unha forma de indagar e cuestionar a orde das cousas, de describir o que se aprende a ocultar, de abordar a afirmación do corpo feminino, a perspectiva de xénero e a procura de novos espazos para a poesía mediante o recital ou o diálogo coa fotografía, a música e a pintura. Xela Arias prestou tamén a súa voz en mobilizacións cívicas como a da marea negra do Prestige e en favor da lingua galega. Nos seus últimos anos de vida, tras licenciarse en Filoloxía Hispánica e Filoloxía Gallego-Portuguesa, Xela Arias foi docente nos institutos de Chapela (Redondela), Álvaro Cunqueiro e Valadares II (Vigo), A Sagriña (A Guarda), Terra de Xallas (Santa Comba), Paralaia (Moaña), Valle-Inclán (Pontevedra) e Xelmírez II (Santiago de Compostela).

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha