A Policía Autonómica detén a presunta autora dun incendio rexistrado en Ribeira


A Policía Autonómica detivo a presunta autora dun incendio acontecido o pasado 24 de xullo, na parroquia de Oleiros, no concello coruñés de Ribeira. Froito das investigacións, detívose unha muller como presunta autora dun lume intencionado que afectou unha superficie de 0,01 hectáreas de monte raso, provocado cun chisqueiro a carón da estrada e fronte a unha gasolineira. Segundo sinala a Policía Autonómica, é a segunda vez que se tramitan dilixencias contra esta muller como presunta autora de incendios forestais na zona. As dilixencias foron remitidas ao Xulgado de Instrución en funcións de Garda de Ribeira. No que vai de ano, a Policía Autonómica leva investigadas 36 persoas como presuntas autoras de incendios forestais. Ademais, a Xunta ten abertas diversas liñas de investigación relativas a lumes rexistrados nas últimas semanas.