O traballo dos axentes contou cun aumento de inspeccións, rexistros e denuncias con respecto a 2021 levadas a cabo especialmente polo Equipo de Resposta Policial (Grupo ERPOL), ademais de polos equipos de investigación das distintas sedes da UPA nas provincias costeiras e sempre en colaboración coa Consellería do Mar.
Ao longo de 2022 formuláronse 1.229 denuncias fronte ás 907 do ano pasado, o que representa un incremento do 35%. O número de vehículos rexistrados medrou un 15%, con 1.658 fronte a 1.544, e as inspeccións pasaron de 2.082 a 2.445, un 7% máis. Estas accións deron como resultado 73 persoas investigadas ou detidas, 14 menos que en 2021.
Os datos dan mostra da redución da actividade delitiva como consecuencia da presión ao furtivismo por parte da Policía Autonómica xunto coa Subdirección Xeral de Gardacostas da Consellería do Mar. Reflicten ademais a maior profesionalización do persoal policial neste ámbito e un mellor coñecemento das prácticas das persoas dedicadas ao marisqueo ilegal.