A Policía Autonómica rescata un falcón peregrino ferido na zona de Laraño


Axentes da Policía Autonómica (UPA) rescataron a un falcón peregrino cando patrullaban polo Camiño Portugués. A ave foi trasladada ao Centro de Recuperación da Fauna Silvestre de Oleiros para a súa recuperación.
Os feitos tiveron lugar logo de recibir un aviso de que había unha ave rapaz ferida pola zona de Laraño (Santiago de Compostela). Unha patrulla que se atopaba no Camiño Portugués localizou o animal, un falcón peregrino que, ao parecer, levaba catro días agochado entre a vexetación.
Logo de ser capturado, para o que axentes do Grupo Operativo de Investigación contaron coa colaboración da Policía Nacional, comprobaron que o animal non tiña anel e que tiña unha á rota.
Tralos primeiros auxilios, a ave foi trasladada ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Oleiros, onde o servizo veterinario informou de que o paxaro perdera un 20% do seu peso, tendo o radio da á roto, posiblemente por un perdigón de chumbo que tiña aloxado na musculatura. Segundo informaron aos axentes, é o segundo falcón peregrino rescatado na zona de Santiago con lesións producidas por disparos de armas de fogo.

O Falco peregrinus está catalogada desde o ano 1998 como “especie vulnerable”, en risco de pasar nun futuro á categoría de “especie en perigo de extinción”, e atópase incluída na Lei de Patrimonio Natural da Biodiversidade.
A Policía Autonómica está a investigar os feitos para tratar de identificar aos autores dos disparos.