A Policía Autonómica tramitou desde o venres 50 denuncias nos controis á hostalería

PIXABAY

Axentes da Policía Autonómica tramitaron desde este venres un total de 50 actas de infracción no marco dos controis para velar polo cumprimento das medidas de prevención ante a covid-19 do Plan de hostalería segura, posto en marcha pola Xunta para garantir a seguridade na reapertura progresiva do sector.

Estes dispositivos da Policía Autonómica enmárcanse no seo da colaboración e a coordinación das forzas e corpos de seguridade coas policías locais dos concellos co obxectivo de controlar o cumprimento das restricións vixentes nos negocios de hostalería.

Durante os operativos os axentes comproban o cumprimento do aforo permitido, os horarios de apertura e peche e que tanto clientes como empregados respectan as medidas de prevención ante a covid-19 como a distancia de seguridade interpersoal e o uso obrigatorio de máscara. Ademais, informan de que desde o próximo venres será obrigatorio contar cun cartel nun lugar visible no exterior no que se informe da capacidade máxima do local e o aforo e porcentaxe permitidos no exterior e interior segundo a normativa vixente, así como a disposición de códigos QR para que os clientes poidan rexistrar a súa presenza.

Cómpre lembrar que, para facilitar o cumprimento do aforo sanitario e garantir as distancias de seguridade, o Plan de hostalería segura recolle que xa é obrigatorio que as mesas e cadeiras montadas no exterior e interior se correspondan coa capacidade en condicións normais e indicar con bandas ou adhesivos as que corresponda, de forma que só se poidan usar as permitidas segundo as porcentaxes máximas en cada momento.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha