A Policía Local da Laracha instrúe dilixencias por delitos contra a seguridade viaria a un condutor de 22 anos veciño de Carballo que foi interceptado circulando nun vehículo cunha roda sen neumático, co carné retirado e con presenza de alcohol e substancias estupefacientes no seu organismo.
Os feitos sucederon este sábado en torno ás 10:00 horas. A Policía Local recibiu unha chamada informando de que un vehículo circulaba de maneira errática pola estrada AC-552 en dirección á capital municipal. A patrulla deulle o alto na Avenida Fisterra, observando que o automóbil circulaba cunha roda sen neumático e sobre a llanta, e que o condutor presentaba síntomas de estar baixo a influencia do consumo de bebidas alcohólicas.
O corpo de seguridade municipal procedeu a realizar as correspondentes probas, arroxando a de alcoholemia en aire espirado un resultado positivo cunha taxa de 0,80 mg/l, e a de drogas, positivo por consumo de cocaína.
Ademais, os axentes comprobaron que sobre o automobilista xa pesaba unha sentenza xudicial que lle prohibía conducir.
Por tanto, a Policía Local intrúe dilixencias por dous delitos, un por conducir un vehículo de motor sen permiso de conducción e outro por conducción cunha taxa de alcohol en aire espirado superior aos 0,60 mg/l, ademais de tramitar a denuncia administrativa polo positivo en drogas.