- Nos próximos días contará con outro automóbil de similares características mediante o sistema renting
A Policía Local da Laracha xa dispón dun novo vehículo adquirido en propiedade polo Concello en colaboración coa Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo da Xunta de Galicia con cargo á liña de subvencións do Fondo de Compensación Ambiental.
Este luns, o responsable do concesionario Breogán Motor S.L. entregou o vehículo ao alcalde, José Manuel López Varela, e ao xefe da Policía Local, Víctor Vilanova. Trátase dun Toyota RAV4 híbrido que aumentará os medios técnicos e de mobilidade da agrupación e que, ademais, permitirá prestar un servizo máis rápido á cidadanía coa máxima eficiencia enerxética e a menor emisión contaminante posible.
Nos próximos días incorporarase outro turismo de similares características ao parque móbil da Policía Local baixo o sistema renting.