A Policía Local de Carballo conta con dous novos oficiais entre as súas filas

1 minutes read
  • María José Fraga Bello e Pedro José Cancela González acadaron as mellores puntuacións no proceso de selección por promoción interna realizado pola Academia Galega de Seguridade

A Policía Local de Carballo conta con dous novos oficiais. Nun acto celebrado durante a mañá deste venres na Alcaldía, María José Fraga Bello e Pedro José Cancela González tomaron posesión dos seus cargos tras acadar as mellores puntuacións no proceso de selección por promoción interna realizado pola Academia Galega de Seguridade.

María José Fraga, que comezou a súa traxectoria profesional no ano 1992 como interina na Policía Local de Carballo e que xa exerceu como oficial en Vilagarcía entre outubro de 1993 e xuño do ano seguinte, converteuse no 1994 na primeira muller funcionaria de policía do concello carballés, sendo desde este último nomeamento a primeira muller oficial do corpo.

Pedro Cancela, pola súa banda, exerceu como axente da Policía Local de Ordes dende o ano 2006 ata o 2015, no que se incorporou ao equipo da Policía Local de Carballo en comisión de servizos.

O cadro de oficiais da Policía Local de Carballo complétase con José Luis Caamaño Domínguez, que tomou posesión como funcionario de carreira no mes de marzo deste mesmo ano, e con Roberto Mosquera, que exerce como xefe accidental do corpo municipal.

No acto deste venres tamén participaron o concelleiro de Seguridade, Juan Seoane, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero.