A Policía Local de Carballo controlou a velocidade de máis de 8 mil vehículos nunha semana

Imaxe dun vehículo da DXT utilizado como radar urbano pola Policía Local.

Unha campaña periódica e específica de control de velocidade de vehículos coordinada pola DXT, a primeira tas a suspensión do estado de alarma e a entrada en vigor das novas limitacións en estradas, sacou á luz unha estabilidade nas infraccións cometidas polos condutores relativas ao incumprimento dos límites establecidos en cada vía.

En Carballo, a Policía Local controlou nesta campaña especial, levada a cabo do 10 ao 16 de maio, un total de 8.483 vehículos, 3.568 nas travesías locais e 4.915 no resto das rúas do centro urbano.

Segundo a densidade do tráfico rodado a cantidade de turismos que foron verificados polo cinemómetro oscilan entre un mínimo de 301 o día 14 a un máximo de 1.026 o día 11.

Do cómputo global foron propostos para sanción 214 turismos, 92 en travesías e 122 no resto de vías. Estes datos lanzan un resultado final de sancionados de pouco máis do 2,5 % dos vehículos controlados. Unha estatística que se mantén con respecto a campañas anteriores.

Estes controis realizáronse en colaboración coa DXT e co obxectivo de concienciar sobre a importancia de respectar os límites de velocidade establecidos, máis aló do mero labor punitivo. Sostense que seguen sendo necesarios dada a súa influencia directa nos accidentes de tráfico.

Convén lembrar que os novos límites establecidos en vías urbanas son:

  • 20 km/ h: para aquelas vías que dispoñan dunha plataforma única para calzada e beirarrúa.
  • 30 km/ h: para aquelas vías cun único carril en cada sentido de circulación.
  • 50 km/ h: só para as vías que teñan polo menos dous carrís en cada sentido de circulación.

As sancións e puntos a detraer en caso de superar estes novos límites son as seguintes:

  • Zonas limitadas a 20 km/ h: entre 21 e 40 km/ h 100 euros sen puntos, entre 41 e 50 km/ h 300 euros e 2 puntos, entre 51 e 60 km/ h 400 euros e 4 puntos, entre 61 e 70 km/ h 500 euros e 6 puntos e máis de 71 km/ h 600 euros e 6 puntos.
  • Zonas limitadas a 30 km/ h: entre 31 e 50 km/ h 100 euros, entre 51 e 60 km/ h 300 euros e 2 puntos, entre 61 e 70 km/ h 400 euros e 4 puntos, entre 71 e 80 km/ h 500 euros e 6 puntos e a máis de 81 km/ h 600 euros e 6 puntos.
  • Zonas limitadas a 50 km/ h: entre 51 e 70 km/ h 100 euros, entre 71 e 80 km/ h 300 euros e 2 puntos, entre 81 e 90 km/ h 400 euros e 4 puntos, entre 91 e 100 km/ h 500 euros e 6 puntos e a máis de 101 km/ h 600 euros e 6 puntos.