Unha vez superado con éxito o seu período de prácticas, este venres tomaron posesión cinco novos axentes da Policía Local de Carballo, os primeiros seleccionados a través do convenio asinado polo Concello coa Academia Galega de Seguridade, que xa se utilizou para cubrir as prazas de auxiliares.
O acto oficial tivo lugar na Alcaldía, onde Evencio Ferrero asinou os contratos cos novos axentes, David Rodríguez Rodríguez, Emilio José Capelán Martínez, Jorge Fernández Camiño, Abel López Vigo e Roberto Olivares Parga, aos que desexou una longa carreira profesional no concello.
Con estas incorporacións, o equipo de profesionais da Policía Local queda formado por 25 axentes e 2 auxiliares. O concelleiro de Seguridade, Juan Seoane, destacou que a idade media do corpo de seguridade se reduce dun xeito considerable, pero, sobre todo, apuntou que o incremento do persoal permitirá reforzar a presenza dos axentes nas rúas e, en consecuencia, mellorar o servizo á cidadanía.