Dous axentes da Policía Local de Carballo, nas súas funcións de seguridade cidadá, acompañados de membros da Garda Civil do posto 141F da capital de Bergantiños, detiveron na madrugada deste domingo a un home de 36 anos, que resultou ser J.G.E., residente no lugar de O Monte da localidade, e con numerosos antecedentes policiais.
A alerta activouse ás 02:15 horas mediante a central de alarmas que mantiña conectado o dispositivo de detección de roubo da nave da empresa Desguaces Lema, situada na Avenida da Revolta, próxima ao recentemente inaugurado Parque Comercial e de Lecer.
Unha vez inspeccionadas as instalacións pola forza policial actuante, un dos axentes da Policía Local localizou ao presunto ladrón escondido entre unha montaña de pneumáticos usados, procedendo á súa detención. Suponse que o seu obxectivo principal era o roubo de cables e bobinados de cobre. Foi trasladado ao cuartel da Garda Civil de Carballo, á espera do seu pase a disposición xudicial. Probablemente se lle impute un presunto delito de roubo con escalo.