A Policía Local de Carballo suma un novo coche ao seu parque móbil

1 minutes read
  • Trátase dun SUV híbrido que permitirá substituír un vehículo do ano 2007

O Concello de Carballo recibiu este martes un novo coche para o parque móbil da Policía Local. Trátase dun vehículo SUV híbrido que permitirá substituír un turismo do ano 2007 e que será axeitado para realizar tarefas de vixilancia ou control das ordenanzas como a limpeza de terreos ou o control das talas de madeira.

O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Seguridade, Juan Seoane, puideron comprobar o funcionamento deste Hyundai Tucson que foi adquirido mediante a modalidade de renting por un período de 48 meses. A empresa subministradora, Grupizvagle, cuxos representantes asistiron ao acto de entrega formal das chaves, asumiu a través do contrato co Concello de Carballo o aluguer do vehículo, a súa adaptación ás necesidades do servizo, seguro, mantemento integral, asistencia permanente, vehículo de substitución ou renovación de pneumáticos, entre outros.

Con esta nova renovación, a Policía Local de Carballo conta cun total de sete vehículos: cinco en propiedade e dous en réxime de renting.