Trátase dun vehículo todocamiño híbrido para que os axentes da Policía Local do concello poidan velar pola protección do medio ambiente e levar a cabo actuacións de prevención, extinción e xestión de situacións de sinistro ou risco. A través da colaboración da Xunta, o corpo de seguridade amplía o seu parque móbil e contará cun segundo vehículo que permitirá contar con dúas patrullas operativas. Ademais, o vehículo financiado con apoio do Goberno galego é máis eficiente e menos contaminante, o que supón unha mellora de eficiencia enerxética e a redución de emisións de gases de efecto invernadoiro. O convenio asinado co concello de Ordes para a adquisición deste vehículo aliñase cos obxectivos do Fondo de Compensación Ambiental, ao que a Xunta destina 12,5 millóns de euros na convocatoria deste ano. No marco deste fondo, o Goberno galego financia actuacións nos concellos dirixidas ao incremento da eficiencia no aproveitamento dos recursos enerxéticos renovables, da sustentabilidade, da biodiversidade e do uso recreativo e educativo dos recursos de Galicia. A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, fixo entrega deste vehículo. Ao acto tamén asistiu o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor.
42