A Policía Nacional alerta de ciberataques nos móbiles mediante mensaxes de Correos

Imaxe de arquivo dun teléfono móbil_PIXABAY

  • A vítima recibe unha mensaxe de texto que inclúe unha ligazón para instalar unha aplicación que simula ser a oficial da entidade

A Policía Nacional detectou recentemente unha campaña de “smishing” que suplanta a Correos. Concretamente, o ciberataque realízase a través dunha mensaxe de texto curto –SMS- que a vítima recibe no seu dispositivo e que inclúe unha ligazón para instalar unha aplicación apk con aparencia de ser a oficial da entidade.

Unha vez que a vítima acepta a descarga, ademais da mencionada apk simulada instalarase, de maneira encuberta, un software de acceso remoto que, en primeira instancia, solicitará os permisos para recibir, ler e modificar SMS.

Tras analizar o malware, os axentes detectaron que ten un tremendo potencial daniño con capacidade para acceder á axenda e mandar a todos os contactos mensaxes análogas para maximizar a súa propagación, ademais de poder outorgar aos atacantes un control virtual sobre o dispositivo infectado.

A Policía Nacional recomenda non descargar aplicacións desde mercados non oficiais e actuar con cautela á hora de xestionar os permisos de acceso, actuando sempre con sentido común.