- Nun futuro será posible levar o documento de identidade no teléfono móbil
Este martes nas oficinas da Unidade de Estranxeiría e Documentación que ten a Policía Nacional na planta baixa da Casa do Concello de Carballo expedíronse os primeiros DNI 4.0. A de Carballo foi unha das primeiras oficinas da provincia en expedir o novo documento de identidade, que polo momento ten as mesmas utilidades que o anterior pero que «nun futuro inmediato permitirá levar o carné no teléfono móbil e acreditar a nosa identidade ou asinar electronicamente dende calquera dispositivo móbil» destacan desde o Goberno local.
Todos os países membros da Unión Europea deben aplicar antes do 2 de agosto as medidas de reforzo da seguridade dos documentos de identidade que xa inclúe este novo DNI 4.0. Ademais, tamén incorpora un novo deseño do soporte, cuxos principais cambios son a aparición da bandeira da UE coas siglas do país e a posibilidade de utilizar outros idiomas, como o galego.
O alcalde, Evencio Ferrero, achegouse ata a oficina para coñecer o novo documento que xa pode ser expedido desde este martes. As solicitudes de cita poden facerse telematicamente dende a páxina www.citapreviadnie.es ou mesmo de xeito presencial nas dependencias situadas na planta baixa da Casa do Concello, con acceso directo dende a rúa Cervantes. A oficina está aberta de luns a venres de 09.00 a 14.30 horas.
O ano pasado, malia o peche da oficina dende finais de marzo ata mediados de xuño por culpa da pandemia, a Unidade de Estranxeiría e Documentación da Policía Nacional de Carballo tramitou 11.855 documentos.