A Policía Nacional detivo en Arteixo a un pederasta por abusos e agresións sexuais a unha nena de 10 anos

1 minutes read

A Policía Nacional detivo este xoves en Meicende, Arteixo, a Daniel Vázquez Patiño, reclamado por abusos e agresións sexuais a unha nena de 10 anos. Durante o arresto, Patiño tentou acoitelar un axente do Grupo Operativo Especial (GOE) que formaba parte do dispositivo habilitado para a detención. O home, de 46 anos, figuraba na lista dos dez máis buscados pola Policía. Nunha nota emitida o pasado novembro, o Ministerio do Interior describiu este delincuente como “altamente perigoso”. Era un dos tres fuxitivos galegos máis buscados, xunto a Martiño Ramos, o profesor arrestado en Cuba tras fuxir a esa illa despois de ser condenado a 13 anos de prisión por abusos sexuais con sadismo a unha menor, ademais do traficante Juan Miguel García Santos. Coa detención de Vázquez Patiño xa caeron cinco dos dez máis buscados de 2025. Tras a súa detención, o arrestado foi trasladado a dependencias policiais antes de pasar a disposición xudicial, onde ademais dos cargos que xa pesaban sobre el, deberá responder polo intento de agresión a un axente da autoridade.