A Policía Nacional levanta sete actas de consumo de alcohol por menores no festival ‘O Son do Camiño’

Cedida.

Axentes da xefatura provincial da Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia (UPA) en Santiago levaron a cabo un dispositivo de prevención de consumo de alcohol por menores de idade no festival O Son do Camiño, celebrado en Compostela e de cuxo dispositivo de protección e seguridade formou parte este corpo policial. Como resultado das inspeccións identificouse 141 menores e levantáronse sete actas de infracción

O levantamento de catro das actas foi a postos ambulantes localizados nas proximidades do evento por incumprimento das leis 2/1996 e 11/2010 en actividades de prevención de consumo de sustancias prohibidas a menores. Os establecementos carecían tanto de cartel informativo da prohibición de venda e subministración de alcohol a menores como de licenza municipal de actividade. Ademais, levantáronse tres actas adicionais a establecementos por infraccións vinculadas á ausencia do cartel informativo.

O dispositivo enmárcase nas actuacións para velar polo cumprimento da Lei 11/2010, de 17 de decembro, de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade, co obxectivo de previr a venda e o subministración a menores de idade, tanto en  locais de ocio como bares, pubs ou discotecas coma en supermercados e tendas 24 horas que sexan establecementos expedendores de alcohol e tabaco. Tamén se efectúan intervencións preventivas nas concentracións da mocidade nas vías públicas, para controlar e evitar o consumo ilícito.

A actividade dos axentes céntrase sobre todo en tarefas de inspección a locais e control e vixilancia das zonas de ocio frecuentadas por menores de idade. Os obxectivos pasan por acadar que os establecementos se axusten á normativa en materia de alcohol e tabaco, pero tamén moi especialmente que os menores de idade adopten pautas de conduta saudables, evitando o consumo destes produtos a idades temperás polas importantes repercusións para a saúde que teñen estes consumos na mocidade. 

Related posts

Un colombiano acepta cinco anos de cadea por intentar matar o seu compañeiro de piso en Santa Comba

A Deputación da Coruña apoia á Agrupación de Protección Civil de Santa Comba con máis de 11.000 € para material

A Deputación da Coruña dota de novos vehículos a seis entidades sociais da provincia