A ponte de Baio reabrirá o 10 de decembro


Esta é a nova data fixada pola Xunta de Galicia para a apertura ao tráfico da ponte de Baio. Así o ratificaron o director da obra e funcionario da Axencia Galega de Infraestructuras xunto cun representante da empresa constructora, López Cao S.L., ante membros das distintas asociacións empresariais, culturais e deportivas de Baio. Entre elas membros da Asociación de Veciños de A Piroga, Asociación de Veciños Tabeirón, Asociación do Automóbil de Baio – Feirauto, Asociación Cultural Adro, Club Deportivo Baio, FABA, Asociación Río Mar, Comisión de Festas e Asociación de Empresarios Comarca de Soneira.


Ao encontro asistiron tamén o Alcalde de Zas, Manuel Muíño, e a Alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, que transladaron ao representante da Xunta de Galicia a preocupación da veciñanza polo retraso no remate das obras de ampliación da ponte que afecta especialmente ao sector comercial dos dous concellos e que nun primeiro momento estaba previsto para o 30 de novembro.


“Para nós non é a mellor nova xa que perdemos todo o tráfico rodado dunha data tan importante como é a ponte da Constitución”, sinalan dende a Asociación de Empresarios Comarca de Soneira ao mesmo tempo que recordan que o peche da ponte supón unha perda de máis do 50% en calquera dos seus establecementos.


Durante a xuntanza celebrada no Centro Sociocultural de Baio abordáronse tamén outros temas como a falta de iluminación da ponte durante as obras ou as expropiacións dos terreos que se realizaron no 2011 e que aínda están sen abonar.