O polideportivo da Ponte do Porto abriu este sábado as súas portas para dar o pistoletazo de saída á esperada segunda edición de PonteFriki, o gran evento de cultura xaponesa, gaming e lecer alternativo da Costa da Morte. A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, foi a encargada de inaugurar oficialmente a cita, reafirmando o compromiso firme do goberno local con esta iniciativa.
Durante a súa intervención, a rexedora quixo deixar claro que «o apoio do Concello de Camariñas a este evento é e será total e absoluto». Insua lembrou que cando a Asociación Carnavales Ponte do Porto (PonteDisfraz) propuxo a idea o ano pasado, sabían que era «unha aposta valente e innovadora», e subliñou que «cando a veciñanza ten iniciativa e traballa arreo para traer vida, lecer e cultura ao noso municipio, a obriga da administración é estar aí, arrimando o ombreiro».
A alcaldesa amosou o seu asombro e orgullo polo crecemento espectacular do evento en tan só un ano, destacando a ampliación do recinto con tres carpas climatizadas e o dobre de contidos. «Tedes montada unha programación que é un auténtico luxo», sinalou Insua, facendo especial fincapé no privilexio de contar coa recoñecida pianista Elesky e co actor de dobraxe Julio Lorenzo, a mítica voz de Goku en galego.
Sandra Insua fixo unha defensa firme desta forma de ocio: «Moitas veces, a palabra ‘friki’ usouse no pasado de forma despectiva. Hoxe, o anime ou o manga son cultura con letras maiúsculas. Son formas de expresión artística, de creatividade e de socialización que unen a xeracións cun ambiente san e acolledor».
Para rematar, augurou «un futuro brillante e moi esperanzador» para PonteFriki, felicitando á organización polo seu incansable traballo desinteresado. «Estades a converter, por mérito propio, á Ponte do Porto na capital da cultura alternativa de toda a Costa da Morte. E iso é algo do que todos os camariñáns nos sentimos profundamente orgullosos», sentenciou Insua.