A porcentaxe de galegos con competencias dixitais básicas ou avanzadas crece máis dun 18% nun ano


O nivel de competencias dixitais entre a cidadanía galega continúa a súa evolución positiva. En 2021 aumentou nun 18,2% a poboación galega que dispón de como mínimo habilidades dixitais básicas, acadando o 61,6%. Entre os internautas, Galicia ocupa o sexto lugar entre as Comunidades Autónomas en competencias dixitais básicas ou avanzadas.

Son parte dos resultados da análise de Competencias Dixitais elaborada polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, en base aos datos da Enquisa TIC nos fogares do ano 2021, realizada polo INE e que permite obter unha foto da situación actual das competencias dixitais en Galicia, un perfil sociodemográfico detallado aplicando metodoloxías propostas polo INE e EUROSTAT.

Os datos presentados analizan as competencias dixitais da poboación galega a partir da metodoloxía Digital Competence Framework deseñado pola Comisión Europea que se aplica para toda Europa e que establece cinco dimensións: Información e datos, Comunicación e colaboración, Creación de contido dixital, Solución dos problemas e contorna dixital e, como novidade, Seguridade e privacidade.