A praia coruñesa de Santo Amaro converterase do 28 ao 31 nun escenario teatral 


A praia de Santo Amaro converterase de novo no privilexiado escenario que acollerá a representación das oito obras teatrais incluídas nunha nova edición da Mostra Internacional Área de Teatro (MIAT). O festival, que terá carácter gratuíto, desenvolverase no areal coruñés do 28 ao 31 de xullo, con dúas representacións diarias. Será a quinta edición de MIAT, que se consolidou como un referente e cita ineludible para a cultura e o teatro no verán coruñés, dando cabida a unha variada oferta teatral nun marco incomparable como é a praia de Santo Amaro, que se converterá nun singular e privilexiado escenario durante os últimos catro días deste mes. Como é habitual, todas as sesións teatrais serán de balde e a entrada será libre ata completar a capacidade dispoñible.