A praia de Balarés disporá dun novo aparcadoiro grazas a Deputación


A obra de construción do aparcadoiro consistirá nunha intervención branda, sobre unha parcela de de 34 mil metros cadrados, perfectamente integrada no entorno ambiental da zona, nun espazo parcelario sen afeccións ambientais para o proxecto que se pretende levar a cabo, que eliminará o tráfico rodado na vía de entrada á praia.

Segundo explicou o presidente do ente provincial, Valentín González Formoso, o investimento para a adquisición da parcela é de 82.000 euros e o goberno provincial prevé un investimento doutros 250.000 para a construción do aparacadoiro con capacidade para uns 300 vehículos, unha intervención que se completará no futuro coa construción dunha senda peonil entre este e a área de lecer de Balarés, que discorrerá pola marxe da via municipal que dá entrada ás vivendas existentes na zona, “garantindo así a seguridade e comodidade tanto dos veciños coma das numerosas persoas que visitan a praia e a área de lecer, especialmente durante o verán e que estaban ocasionando problemas de tráfico, de aparcadoiro e de seguridade”.

O alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido, que estivo tamén presente na sinatura do contrato de adqusición da parcela destacou que o acto “supón a primeira pedra dun gran proxecto para poñer en valor un enclave singular coma Balarés, de gran importancia para o Concello de Ponteceso”.