O Concello da Laracha está a concluír os procedementos de contratación do servizo de salvamento e socorrismo que estará operativo durante o verán na praia de Caión.
O número total de efectivos será de seis persoas máis o coordinador. Dous dos socorristas serán contratados directamente polo Concello –coa colaboración económica da Xunta de Galicia- por medio do procedemento de selección de persoal dirixido exclusivamente aos aspirantes preseleccionados polo Servizo Público de Emprego. As bases poden consultarse na web municipal.
Os outros catro socorristas e o coordinador prestarán o servizo a través da empresa Top Rescue, que resultara adxudicataria ao ser a única que presentou oferta no procedemento de contratación realizado polo Concello. Precisamente a Mesa de Contratación procedeu este venres á apertura das plicas e na próxima reunión da Xunta de Goberno Local será adxudicado o servizo, que financiará o Concello da Laracha e que fora sacado a licitación por un importe de 30.500 euros.