Así llo informou a administración autonómica ao Concello de Camariñas tras recibir a solicitude do goberno local para que se volva a incluír ao areal no censo de praias aptas para o baño.
Este sería o paso previo para que Camelle aparecese o próximo verán no censo de praias aptas para o baño. As últimas analíticas, encargadas polo goberno local, arroxan un resultado de ‘boa’ na calidade das augas do areal polo que o obxectivo da Consellería de Sanidade é comprobar que están sendo efectivas as medidas levadas a cabo polo Concello para reverter os malos resultados dos últimos exercicios.
A praia de Camelle carecía dos controis da Xunta ao non estar incluída no censo debido aos malos resultados dos últimos exercicios. O pasado ano, no transcurso dos traballos de renovación da rúa Nova e Porto, o Concello detectou que os sumidoiros dalgunhas vivendas particulares estaban vertendo na recollida de pluviais, polo que remataban no mar e isto influía na mala calidade das augas.
Naquel momento o goberno local levou a cabo unha obra de adecuación da rede de saneamento que agora comeza a dar os seus froitos. “É unha boa nova que a Xunta considere que debe incorporar a praia de Camelle aos seus controis, significa que consideran que as obras que executamos poden solucionar os problemas de anos anteriores”, explicou a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua.
Ademais, a rexedora aclarou que “sabemos que a praia non se incluirá no censo de praias da Xunta de Galicia ata o próximo ano polo que a sinal de ‘auga non apta para o baño’ permanecerá durante este verán pero, para tranquilidade dos veciños e veciñas, colocamos unha copia da última analítica da auga que se realizou por parte do Concello”.