A Praia dos Libros empezou a funcionar este luns, e ata alí achegáronse o alcalde, Evencio Ferrero; a concelleira de Aquivos, Bibliotecas e Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret, e a técnica de Normalización Lingüística, Carmen Pereiro, que aproveitaron para presentar, xunto co persoal da bibliopraia, un novo número do caderno de pasatempos A píllara das dunas, elaborado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e editado polo Concello de Carballo.
Ángeles Pacoret lembrou que A píllara das dunas é “o único caderno de pasatempos en lingua galega que se oferta desde a administración local en lingua”, pero engadiu outra singularidade da revista, xa que se suma á celebración do Ano do Xestal “aproveitando que, no seu momento, compartiron o mesmo espazo vital. Quen sabe se as píllaras daquel tempo escoitaron a Carlos Díaz cantando Apaga o candil ou contando os seus tan coñecidos contos! Este ano _engadiu a concelleira_ a ave e o artista van da man e conversan ao longo das súas 39 páxinas cheas de pasatempos como sopas de letras con palabras de textos de O Xestal, labirintos cos camiños da súa vida, semellanzas e diferenzas, sudokus, catigramas, encrucillados, partidas de barcos, series de números… en fin, toda unha manchea de enredos para todas as idades”.
O caderno de pasatempos estará a disposición de todas as persoas que se acheguen ás nosas praias este verán. Poderán recollelo, de balde, na caseta da Praia dos Libros ou nos postos de salvamento de Razo, Baldaio-Saíñas e Pedra do Sal.
O funcionamento da bibliopraia non varía con respecto ao ano pasado. Conta cunha sección de préstamo, Tampouco varían os horarios, que serán de 13.30 a 17.30 no mes de xullo e de 13.30 a 16.30 no de agosto.
Tamén se desenvolverán na beira do mar outras actividades culturais e medioambientais:
- Mércores 12 de xullo, ás 22.30 horas, Take every wave: la vida de Laird Hamilton(documental de surf), en Razo.
- Xoves 27 de xullo, A volta a Galicia en 313 concellos, co Mago Antón, en Razo. Sesións ás 13.00, 17.00, 18.00, 19.00 e 20.00 horas (máximo 70 persoas por sesión). Reservas a partir do 17 de xullo na bibliopraia ou na Biblioteca Rego da Balsa.
- Mércores 9 de agosto, ás 22.00 horas, proxección da película Dios mío, ¿pero qué nos has hecho? na Pedra do Sal (Lema).
- Xoves 24 de agosto, ás 13.00 horas, C@nto conto, con Paco Nogueiras, en Razo.