A Praza Castelao de Corcubión volveu a acoller unha concentración de solidariedade co pobo palestino

Cedida.

No acto, convocado pola Coordenadora Galega de Solidariedade coa Palestina e co apoio do BNG Costa da Morte, douse lectura dun manifesto no que se segue denunciando o xenocidio e a ocupación por parte do Estado de Israel. Cando se cumpren 2 meses do chamado plan de paz de Trump, as vítimas da agresión sionista non deixaron de aumentar, e Gaza continúa a ser un cárcere cercado por muros, onde non entra axuda humanitaria.

No manifesto destacouse que «nestes 2 meses, os ataques contra a faixa de Gaza non só non se detiveron, senón que se alargaron tamén a outras áreas da Palestina ocupada. Localidades da Cisxordania sofren cada día ataques do exército israelita e de colonos armados polo réxime sionista».

Tamén se sinalou que «non serve de nada que o Estado español se retire de Eurovisión se deixa sen tocar os seus acordos con Israel. Tampouco nos serve de nada o recoñecemento tardío do Estado Palestino se é apenas formal e non implica un cambio substancial na política exterior na rexión. Nos serven as ladaíñas da Unión Europea se Israel continúa como socio preferente en comercio e política exterior e de seguranza».

Ademais, o comunicado cargou contra a Xunta de Galiza. «Non nos serve o absoluto silencio do goberno galego, empeñado en recibir os enviados de Israel mentres bloquea calquera iniciativa política e institucional a favor da Palestina, e continúa a ignorar as máis de mil trescentas convocatorias da solidariedade por todo o país durante máis de dous anos», concluíron.

Related posts

Máis de 800 alumnos da Laracha desfrutaron do festival de teatro infantil en horario lectivo

34 promesas da moda participarán no XXXII Concurso de Noveis Deseñadores da Mostra do Encaixe de Camariñas

O escritor de Camelle Anxo Mouzo presenta ‘A princesa Dourada’, unha novela de fantasía xuvenil