O alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido deu unhas palabras antes do pregón da humorista Eva Iglesias. Carballido quixo agradecer “a todas as persoas que traballaron e colaboraron para que durante trinta anos a Feira das Fabas fora un éxito”. Lembrou que hai trinta e dous anos xurdía a idea da Feira da Asociación de Empresarios de Ponteceso e que, nese momento, “todo o traballo era voluntario e o pobo uníase para que saíse adiante: uns ían buscar as fabas, outros ían pola carne…”. Logo, anos despois comezou a organizar o evento o Concello de Ponteceso. Ademais, o alcalde tamén agradeceu a labor dos cociñeiros, que levan “trinta anos ao pe da pota facendo a mellor fabada do mundo, con pan da Trabe.

Antes da intervención de Eva Iglesias tamén deu unhas palabras o líder socialista galego, Valentín González Formoso. Formoso gabou a labor do alcalde de Ponteceso, ao que cualificou de “auténtica referencia na provincia da Coruña” e recoñeceu o traballo dos cociñeiros. O líder socialista fixo fincapé no papel das mulleres no rural porque, dixo, “as fabas non se collen solas, recóllenas as mulleres do rural dende hai moitos anos, as nosas avoas, as nosas nais e por iso, en recordo de todas elas, pido un forte aplauso”.
A pregoeira Eva Iglesias puxo a tónica de humor á xornada festiva. O alcalde, Xosé Lois García Carballido, e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín Formoso, agasallarona cunha pota de barro de Buño.
Máis de vinte voluntarios de Ponteceso foron os encargados de repartir as 3.000 racións de fabas. A este nutrido grupo, entre os que estaban o grupo de goberno local, Noelia Varela, Maite Chouciño e o propio alcalde. Valentín Gonzalez Formoso non dubidou ante a avalancha de xente en axudar coa repartición.
Durante a mañá houbo unha demostración de como elaborar figuras de madeira cunha motoserra da man de Yosi Fervenza; o pasarrúas correu a cargo da Treboada do Baixo Miño, que levou a música por todos os recunchos e, tan pronto remataron de comer, os asistentes bailaron ao ritmo da Banda da Balbina.
O Concello de Ponteceso traslada as súas desculpas polos atrasos na repartición das racións debido á cantidade de xente que asistiu ao evento. Ademais, desde o consistorio agradecen a todas as empresas que colaboraron, aos voluntarios e a Protección Civil polo desenvolvemento do seu traballo tan importante de manter a organización do tráfico e a seguridade.