- A programación desenvolverase entre os días 9 e 23 de abril
Carballo acollerá, do 9 ao 23 de abril, a programación cultural Primavera enDanza que, debido á pandemia pola Covid-19, tivera que ser trasladada ao outono. Este 2021 a danza regresa á súa estación habitual e ao mes no que se celebra, ademais, o Día Internacional da Danza (29 de abril). Este martes tivo lugar a presentación oficial a través dunha rolda de prensa telemática á que asistiron o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo; o director da Agadic, Jacobo Sutil, e membros das compañías galegas que encherán o Pazo da Cultura cos seus espectáculos.
Jacobo Sutil e Evencio Ferrero pecharon a presentación, o primeiro destacando a “sensibilidade especial” de Carballo coa danza. “É un exemplo que sempre poñemos, porque non hai moitos concellos que o fagan, e iso é algo que queremos cambiar”, asegurou.
PROGRAMACIÓN COMPLETA
Venres 9 de abril (20.00 horas). “Emigrantas”, Kirenia Danza (Galicia). Nesta obra tratan o tema da «nova emigración, desa última diáspora de persoas de 18 a 40 anos que saíron e viven a súa experiencia central dende a muller”, sinalan desde a compañía. É para público adulto e as entradas xa están á venda en www.ataquilla.com.
Venres 16 de abril (20.00 horas). “Bailar agora”, Marta Alonso Tejada (Galicia). Espectáculo autobiográfico con moitas sorpresas. Apta para todos os públicos.
Domingo 18 de abril (18.00 horas). “Nina Ninette”, Paula Quintas – Traspediante (Galicia). Público infantil e familiar.
Xoves 22 de abril (20.00 horas). “Mocap”, Matías Daporta (Galicia). Estrea absoluta deste proxecto que naceu en Carballo durante unha Residencia Paraíso. Público adulto.
Venres 23 de abril (20.00 horas). “After the party”, Thomas Noone Dance (Cataluña). Público adulto.