A Primavera Teatral regresa a Paiosaco este mes de abril

O Concello da Laracha continúa apostando por unha programación cultural ampla, completa e de alta calidade coa celebración dunha nova edición da Primavera Teatral de Paiosaco, cita xa consolidada na axenda anual que achega as artes escénicas ao público nesa localidade durante o mes de abril. O ciclo desenvolverase no Centro Sociocultural da Porta Santa e estará dirixido a público adulto.

A programación deste ano presenta tres propostas escénicas de estilos diversos, que combinan humor, simbolismo e reflexión contemporánea co obxectivo de ofrecer unha oferta variada e accesible para a veciñanza. As obras incluídas nesta edición son as seguintes:

Venres 10: Os dous de sempre, de Mofa e Befa (Producións Teatrais Excéntricas).

Inspirada no universo de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, a montaxe presenta a Pedriño e Rañolas, dous personaxes antagónicos pero inseparables que encarnan a oposición entre idealismo e materialismo. A través do humor e da tradición dos pallasos populares, a obra constrúe unha comedia profundamente ligada á identidade cultural galega e ao retrato da condición humana. Interpretada por Evaristo Calvo, Víctor Mosqueira e Josito Porto baixo a dirección de Quico Cadaval.

Venres 17: Abra da Cabra, de Lila Teatro.

Unha proposta que transita entre o simbolismo e o realismo máxico para narrar a historia dunha cabra montesa que decide convivir co ser humano. A peza desenvolve unha viaxe tan delirante como reflexiva sobre o proceso civilizatorio, a adaptación e o conflito entre natureza e sociedade.

Venres 24: Entre dos, de Interesarte.

Comedia retrofuturista protagonizada por Teté Delgado e Julio Pereira que convida a desconectar e deixarse levar polo ritmo do directo. A obra aborda, en clave de humor, cuestións relacionadas coa parella, as fantasías e o sexo na sociedade actual.

O ciclo desenvolverase no Centro Sociocultural de Paiosaco ás 21:00 horas. A entrada para o público será libre e gratuíta ata completar o aforo do auditorio.

Related posts

Saída de vía cun falecido en Coristanco

Unha muller de avanzada idade falece tras caer nun pozo en Ames

Estreadas as presentacións literarias da XXXV Mostra do Encaixe de Camariñas