A primeira análise di que a auga de Corme é potable. O Concello recomenda aínda non bebela


As mostras tomáronse este luns no depósito do Alto da Serra, o depósito de Corme, a Fonte do Osmo e o Centro de Saúde de Corme Porto, co obxectivo de analizar a posible contaminación microbiológica. De forma paralela, Sanidade e o Concello de Ponteceso activaron a recomendación de non consumir auga da traída ata aclarar estas circunstancias.

O informe remitido a Alcaldía ás 19,45 horas deste martes explica que “a totalidade dos parámetros analizados e, en particular, aqueles de carácter microbiológico” cumpren “coa normativa”, o que “acredita a potabilidade da auga” da rede de abastecemento.

O Concello de Ponteceso mantén a recomendación de non consumir polo momento auga da billa, á espera de recibir unha nova análise sobre a presenza de norovirus e tras o primeiro informe da empresa subministradora, que indica que os parámetros analizados son normais.