A primeira Vía Verde da provincia da Coruña conectará Cerceda con Santiago

O presidente da Deputación da Coruña e o alcalde de Cerceda visitaron o trazado.

A Deputación da Coruña rematou a redacción dos proxectos dos distintos tramos da Vía Verde Cerceda-Santiago e xa conta coa cesión de terreos por parte de ADIF e coas autorizacións necesarias para poder licitar as obras, que suporán un importante investimento de preto de 2,4 millóns de euros, dos que 1.860.501 € serán financiados con fondos europeos FEDER para proxectos de fomento da mobilidade sostible e a economía baixa en carbono e outros 535.129 € con fondos propios da Deputación. Será a primeira Vía Verde da provincia da Coruña e a de maior extensión de Galicia, cun itinerario de 36,5 quilómetros sobre as antigas vías do ferrocarril, que permitirá camiñar ou andar en bici desde o núcleo urbano de Cerceda ata a estación da Sionlla de Santiago, atravesando espazos de gran interese medioambiental, histórico e cultural.